O Coro da Universidade de Santiago de Compostela fundouse no ano 1979 por iniciativa da vicerreitoría denominada nesa época de “Extensión Universitaria”. A súa posta en marcha foi encomendada a Maximino Zumalave, quen asumiu a dirección ata o ano 1985. Despois, estiveron á fronte da agrupación Xan Viaño, Margarita Guerra, Juan Carlos García Pardo e Juan Carlos Dorgambide. Dende 1999 ata 2022 estivo dirixido por Miro Moreira, profesor de Canto Coral e Formación Vocal da USC.
Dende os seus primeiros anos de andaina compaxinou o repertorio a capella coa interpretación de grandes pezas clásicas da literatura musical como A pequena misa solemne de Rossini, Mesías de Händel, Pequeno libro de órgano de J.S. Bach, Responsorios de tebras de Victoria, Stabat Mater de Haydn, Ceremony of Carols de Britten ou Magnificat de Vivaldi, Missa brevis en Sol, KV 49 de Mozart, os oratorios Jephte e Xonás de Carissimi, Gloria de Vivaldi, Barca di Venetia per Padova de Banchieri, Música Barroca do período virreinal (gravación en C.D conmemorativo da celebración do XXV aniversario do Coro), Misa Dolorosa de Caldara, Las Ensaladas de Mateo Flecha, El tañer con el cantar: cancioneiros de Upsala, Medinacelli e Colombina, Nacións barrocas (escolas barrocas europeas), Dido e Aeneas de Purcell, Membra Jesu Nostri de Dietrich Buxtehude, Luces y cariños en torno a José de Vaquedano, e Música das catedrais de Nueva España, entre outras. Interveu en diversas ocasións nos festivais de ópera da Coruña e, como importante aspecto do seu labor divulgativo, destaca a recuperación de pezas de mestres de capela das catedrais galegas como Melchor López ou Diego de Muelas.
Actualmente, o Coro Universitario está integrado nun proxecto pedagóxico común xunto coa Orquestra da USC, baixo a coordinación do director Mario Diz