A Orquestra e Coro da Universidade de Santiago de Compostela é un proxecto educativo e cultural promovido dende a Vicerreitoría de Estudantes e Cultura da Universidade de Santiago de Compostela, onde poderán participar aquelas persoas que saiban tocar un instrumento orquestral ou aquelas persoas que queiran formar parte dunha agrupación Coral.
Sendos participantes deberán amosar os seus coñecementos instrumentais nunha proba inicial ou ben competencia mínima para poder cantar nunha agrupación.
Poderán participar todos aqueles membros da Comunidade Universitaria da USC, alumnado estudante de música ou persoas da cidadanía que superen as probas de selección habilitadas para a ocasión.
A OCUSC permanecerá activa durante o período de calendario académico vixente en cada tempada, a orquestra con ensaios ordinarios semanais os martes lectivos de 21:30h a 23:30h ademais de ensaios extraordinarios que se programen. Permanecerase exclusivamente sen ensaios durante os períodos de exames indicados no calendario académico oficial.
No proxecto coral con ensaios martes e xoves de 19h a 20:45.
Nos ensaios promoverase unha atención didáctica e formativa apoiada por profesorado especializado engadido ao proxecto eventualmente.
Participarase con diversos concertos públicos incluídos como culminación da realización de tres programas repartidos ao longo do curso académico (Programa de Outono, Inverno e Primavera) desenvolvendo ademais encontros intensivos de ensaios na fin de semana anterior a cada concerto e con horario variable.
Ademais, organizarase o Programa de Verán, programa extraordinario no que as persoas integrantes da OCUSC terán preferencia de participación pola súa condición de participantes activos durante o curso académico presente en cada convocatoria.
A Orquestra e Coro da Universidade tamén organizará, se é o caso, outras actividades referentes ao proxecto educativo musical que desempeña: apertura ou clausura do curso académico, día europeo da música, xiras e concertos que promovan a relación entre comunidades educativas ou culturais dentro e fóra do Estado, entre outras.
Outras actividades ou programas incluídos na OUSC que serán descritos de seguido son: Universitas Música: Programa de música de cámara onde os integrantes da OUSC poden participar recibindo clases maxistrais do profesorado participante da OUSC, participando en actos académicos ou de relevancia institucional dentro da USC e en concertos públicos. Concurso Bienal de Composición Amador: Programa que da oportunidade a xoves estudantes de composición poder estrear cunha formación sinfónica. USC Classics: Programa que ofrecerá a participar como solista coa orquestra a participantes que desenvolveron carreira artística musical e/ou estudantes noveis en situación de promoción por excelencia musical, así como unha convocatoria interna para que poidan participar nesta condición de solista calquera participante activo durante a súa estancia no proxecto orquestral.